INICIO
Atrás

BALIDEA LANZA UNHA INNOVADORA APLICACIÓN QUE CAPTA E TRANSMITE VÍDEO EN COMPETICIÓNS DEPORTIVAS

13 Diciembre, 2015
BALIDEA LANZA UNHA INNOVADORA APLICACIÓN QUE CAPTA E TRANSMITE VÍDEO EN COMPETICIÓNS DEPORTIVAS

Balidea, empresa galega do sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), atópase detrás da creación de ADESTRapp, un produto de captación, transmisión e análise de vídeo aplicado a contornas de competición, adestramento e arbitraxe. Cómpre subliñar que para facer realidade esta aplicación Balidea contou coa axuda de profesores da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (INEF Galicia) da Universidade da Coruña, Ángel Vales e Alberto Areces. E indo ao miolo de ADESTRapp, esta ferramenta permite a edición personalizada de vídeos, o que posibilita a cada usuario a xestión de xeito individual das imaxes: repeticións, rebobinado, velocidade, zoom, ver a imaxe retardada... así como realizar o corte dos vídeos do seu interese para a súa posterior descarga e almacenaxe.
Outra característica fundamental é que estamos perante un sistema totalmente autónomo, non precisa de cableado de ningún tipo, aliméntase de maneira autónoma e funciona con tecnoloxía Wi-Fi propia. Estas características, amais das súas escasas dimensións e peso (apenas 400 gramos e do tamaño dun móbil), fano accesíbel en múltiples contornas: adestramento, partido de competición, axuda á arbitraxe, etc.
Emporiso, ADESTRapp xa foi probado en diversas contornas de adestramento e competición. O pasado día 21 de novembro o R.C. Deportivo (no derbi contra o Celta de Vigo) estreábase co sistema ADESTRapp en competición oficial.
Con todo, a primeira contorna na que se empregou o sistema ADESTRapp foi o fútbol praia, a través da figura de Ramiro Amarelle, adestrador do F.C. Barcelona deste deporte. Amarelle participou desde o inicio do proxecto na definición e validación das funcionalidades do mesmo, empregando a versión Football Training en diversas actividades de fútbol praia.
Outro deporte no que o uso de ADESTRapp deu moi bos resultados foi o judo. A nivel de adestramento, o Judo Club Coruña, comezou a usar este sistema o pasado verán.
O Santiago Futsal, equipo de División de Honra patrocinada por Balidea, é outro dos equipos que emprega o sistema ADESTRapp.